Beowulf
ANÓNIMO
Beowulf
Editorial Rinoceronte. Col. Vétera. 2010
Tradutor: JORGE L. BUENO ALONSO
Apunto, para non esquecer, as palabras de Alfredo o Grande, rei de Wessex:
"...deberiamos traducir, na lingua que todos entendemos, algúns libros que son moi necesarios para o saber dos homes".
A cita está habilmente colocada polo tradutor na introdución para concluír que "Beowulf, como obra fundamental da poesía épica inglesa, forma parte sen dúbida deses libros necesarios".
Gustoume atopar unha tradución necesaria como lector, non como filólogo, sen sobrecarga de notas e ningún aparato crítico a pé de páxina.
Sorprendeume esta versión en galego non tanto pola tradución directa desde o Old English, senón pola súa decidida aposta poética polo verso, mantendo a musicalidade co principal recurso da poesía orixinal: aliteración no canto de rima.
Así morre Beowulf en aliteración de fonemas oclusivos xordos (/t/, /k/) como os golpes do dragón que se achega fricativo (/f/, x) e lateral (/l/). Todo remata co sangue vertido en sibilantes (/s/) e nasais (n, /m/):
dragón de lume, o que lle fai mal
á xente, lembrou a xenreira, e lixeiro
foi por Beowulf, o famoso guerreiro,
cando tivo ocasión: cheo de bélica carraxe,
quente no combate, colleuno polo pescozo
cos seus cairos cortantes. Beowulf
tinxinuse todo co sangue vital de seu,
que manaba como as ondas do mar.
"Me llamo Rojo"

ORHAN PAMUK, Me llamo Rojo
Alfaguara, 2003. Pág: 568
Tradutor: Rafael Carpintero.
Que boas tardes de lectura pasei este Nadal!! A obra de Orhan Pamuk engancha desde a primeira liña e acabas confiado no seu estilo seguro de gran narrador para resolver paseniñamente a trama de asasinatos e coñecer o final dunha suposta historia de amor. Capítulo a capítulo todos os personaxes humanos (vivos e mortos), animais (can e cabalo), o mesmísimo Demo e no centro do libro a cor vermella actúan como narradores sempre en primeira persoa. Voces diversas e un gran asunto central: a arte e o estilo nun mundo en cambio, o conflito artístico e persoal nos períodos finais de decadencia dun momento histórico.
Un grupo de ilustradores no Estambul do século XVI son sometidos a fortes tensións e enfrontamentos pola encarga dunha obra secreta e supostamente blasfema: o Sultán, contra a lei islámica, desexa inmortalizar a súa imaxe. É o novo estilo contra o que os fanáticos reclaman pureza e non dubidan en "defenderse" verquendo sangue vermello.
-- Siempre hay algo que hacer y un lugar en el que refugiarse para los que quieren permanecer puros.
--Sí, quedarse ciego y escapar a países que no existen -intevino Cigüeña.
--¿Por qué quieres permanecer puro? --me preguntó Negro-- Quédate con nosotros y únete a los demás.
--Se pasarán la vida imitando a los francos para tener un estilo personal. Y nunca tendrán estilo personal porque estarán imitando a los francos.
(Páx. 549)
Zonchos con mariquitas
Pasou o Samaín, pasou o Magosto e vai pasar o ano enteiro sen catar as castañas. Conformareime con falar delas, e incorporar os zonchos ao meu vocabulario. No instituto mesmo entregamos premios aos mellores colares destas castañas cocidas con peleca e casca. Coñecía esta palabra pola famosa cantiga popular coa que comezan os Cantares Gallegos:
Has de cantar,
que che hei de dar zonchos;
hasde cantar
que che hei de dar moitos.
Do mesmo xeito que Curros fixo popular as crocas ("castañas secas"):
Aí vén o maio
de frores cuberto
puxéronse á porta
cantándome os nenos
os puchos furados
pra min estendendo
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.
Poemas que nos retratan como pobo de mil fames históricas. A comida como premio. Para a meniña gaiteira de Rosalía ofrécenselle ademais boliños do pote, proia, papiñas con leite, sopiñas con viño, torradas con mel e patacas asadas.
Porén, o que máis me sorprendeu foi saber que no canto do acompañamento tradicional con chourizo, na beiramar comíanse castañas con peixe. En concreto con mariquitas (ou mariquitos). Logo de consultar os nosos lexicógrafos máis ilustres* queda claro que debe tratarse do sábalo (Alosa alosa), tamén denominado samborca. Seguramente será un castelanismo cruzado pois igual que a xoaniña ("mariquita") este peixe seica ten puntiños escuros no lombo.
_________
* M. do Carme Ríos Panisse, Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces, Verba, anexo 7. Universidade de Santiago, 1977.
Comezo de caranguexos
Chamarlle queimacasas ao caranguexo foi a primeira palabra que aprendín no peirao de Mugardos. Confeso a miña ignorancia marisqueira. Alá polas terras do interior das que proveño, os pirómanos adoitan ser outro tipo de animais. Agora, grazas á wikipedia, sei ademais que o Pachygrapsus marmoratus é un crustáceo decádopo moi común en todo o litoral europeo. Con todo, nas aulas do instituto que contan, por certo, cunhas fantásticas vistas a toda a ría aínda aprendín máis que en internet sobre os caranguexos.
Un neto de mariñeiros explicoume ben clariño toda a familia destes fabulosos animais. Primeiro está o patexo, pequeno e verde, que se emprega para pescar. En segundo lugar, o queimacasas negro que se chama así porque non é comestible e se o pos ao lume antes árdeche a casa que el cocer. Logo veñen o durmiñón e mais o guerreiro. O rapaz vai enumerando cos dedos e deixa para o final as dúas mans que abranguen no aire uns corenta centímetros mentres pronuncia outro nome composto e sonoro: o matahomes.
--E ti viches algún?
--Non. Se ve algún home, mátao... Eu estou vivo.
Así comezamos o curso coma os caranguexos: aprendendo de lado.
